bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Séchu Sende vén ao noso centro e fai maxia coa lingua

O escritor Séchu Sende veu falar ao noso alumnado de 4ºESO dos contidos que trata na súa obra Made in Galiza. Realizou unha demostración dos seus poderes parapsicolóxicos e hipnotizadores para conseguir que a xente nova fale galego. Desde logo que nos fixo pensar sobre a situación da lingua galega con moito humor.

Esta actividade tivo lugar grazas á concesión do Ministerio de Cultura do programa Encuentros literarios en institutos.

Aquí quedan algunhas imaxes desta fantástica xornada:

Manuel Núñez Singala na nosa biblioteca

Esta semana teremos o luxo de ter con nós a Manuel Núñez Singala, que virá falar de teatro, lingua e humor a través das súas obras O achado do castro e Atranco no banco. Esta actividade está dirixida ao alumnado de 1º e 2º da ESO, grupos cos que estamos a realizar a lectura dramatizada destas pezas.

O Samaín está a chegar ao Monte Carrasco

O Samaín está a chegar e xa temos algunhas sorpresas preparadas.

En primeiro lugar, o noso tradicional Concurso de Contos de Medo. Este ano a temática será o terror medioambiental, xa que estamos a desenvolver o proxecto de Polos Creativos, Das raíces ás estrelas. O prazo remata o luns 23 de outubro. Non te esquezas de imprimir o teu conto e entregalo na Secretaría do centro. Haberá estarrecedoras recompensas para os contos premiados.

Consulta aquí as bases:

Como novidade, este ano haberá tamén un concurso de sobremesas con cabaza.

Agardamos que pasedes un Samaín de medo!!!

Comezou o curso na biblioteca

Un ano máis, a biblioteca xa está fervendo de actividade.

Comezamos o curso cun espectáculo de Dani Blanco: Rogelio, un pallaso en recuperación.

Entregamos os diplomas ás axudantes de biblioteca do ano pasado polo seu labor prestado e reclutamos novas persoas que colaborarán coa biblioteca este curso, realizando tarefas de colocación de libros e outros materiais, organizando actividades, poñendo etiquetas, etc.

Botou a andar o Club de lectura manga, que se reúne todos os xoves no 1º recreo. Este ano, o deseño do cartel é de Aitana Pereira Tarabukina, de 4ºESO.

Reuníronse os distintos clubs de lectura:

Este ano conformáronse dous clubs de lectura de alumnado:

Un grupo está formado por alumnado de 3ºESO e de 2ºESO que xa estaba o curso pasado no club de lectura. A primeira obra que imos ler e comentar é Asesinato en el Orient Express, de Agatha Christie.

O outro grupo está formado por alumnado de 1ºESO e alumnado de 2ºESO que se incorpora este curso ao Club de lectura. A primeira obra que imos ler e comentar é Una serie de catastróficas desdichas. Un mal principio, de Lemony Snicket.

Anímate a participar nas actividades da biblioteca este curso! Haberá moitas sorpresas!

Clubs de Lectura

Este curso, a actividade dos clubs de lectura do centro foi imparable. Tivemos 3 clubs de lectura en funcionamento, que pasaron a ser 4 cara ao final do curso debido ao número de alumnado que se foi sumando ao Club de lectura O Faladoiro.

O Club de lectura O Faladoiro: estivo conformado por unha alumna de 4º ESO, 3 alumnas de 2ºESO e 5 alumnos e 8 alumnas de 1º ESO. Reunímonos unha vez ao mes para comentar as lecturas que iamos escollendo por suxestión da profesora coordinadora ou do alumnado do club. Lemos os seguintes títulos:

Amanda Black

A balada dos unicornios

Memorias de Idhún

22 segundos

A partir desta lectura, organizamos dous grupos, con lecturas diferentes, entre as que estiveron:

Caperucita en Manhattan

Dragal

O curioso incidente do can a medianoite

Charlie e a fábrica de chocolate

EL valle de los lobos

As lágrimas de Shiva

Para esta última lectura do club, reunímonos os dous clubs de lectura O Faladoiro para así ter unha xuntanza final.

Este curso, o ingrediente máxico das reunións do Club de lectura foi a merenda doce, o que fixo estes encontros moi apetecibles e gostosos.

Ao final do curso gravamos un programa de radio en Radio Labirinto, a nosa radio escolar, presentado por Cristina Corral, para falar sobre a actividade do club de lectura e comentar as obras que lemos este curso. Podedes escoitar aquí o programa, na canle de IVOOX Radio Labirinto.

Ademais, este ano tivemos a sorte de ter con nós a Marcos Ceive, un rapaz trans no que se baseou a escritora Eva Mejuto para escribir 22 segundos, libro que foi dos que máis gustou no club este curso. Puidemos conversar con el sobre a transexualidade e a identidade de xénero e averiguamos curiosidades sobre o proceso de escrita do libro.

O Club de lectura O Faladoiro Maior: estivo conformado por un grupo estable dunhas 12 persoas adultas entre as que se atopan nais e pais, profesorado e e persoal non docente do centro. Encóntranse pola tarde na biblioteca do centro para comentar as obras que van propoñendo, que este curso foron as seguintes:

Para toda a vida, de Eva Moreda

Joyita, de Patrick Modiano

Azucre, de Bibiana Candia

Piel de hombre, de Hubert e Zanzim

Delicioso suicidio en grupo, de Arte Paasilinna

Manual para mujeres de la limpieza, de Lucia Berlín

La camarera, de Nita Prose

Este curso, o Club de lectura O Faladoiro Maior destacou polo seu alto nivel, xa que as obras seleccionadas entramaban unha alta complexidade de lectura.

Club de lectura Manga: este club reuniu alumnado apaixonado do manga e do anime. As xuntanzas tiveron unha periodicidade semanal: os recreos dos xoves. Neas compartiron lecturas e intereses ao redor desta temática. Participamos na Xuntanza de Clubs Manga do Morrazo, asistimos ao cine a ver One Piece e fomos á Expotaku da Coruña. Todas estas actividades realizámolas en conxunto co resto dos clubs manga do Morrazo.

Concurso de Poesía

Para conmemorar o Día da Poesía, que se celebra o 21 de marzo, convocamos un concurso para que poñades ao voso talento poético a traballar.

BASES DO CONCURSO DE POESÍA

Club de lectura O Faladoiro

Este curso comezamos a acompañar as reunións do club de lectura de merendas larpeiras, e cada vez somo máis quen nos reunimos ao redor dun libro para comentar a nosa opinión e, entre todas e todos, afondar un pouco na súa lectura.

Tamén aproveitamos para compartir suxestións de lectura e propoñer novas obras para ler.

Na primeira avaliación lemos Amanda Black, de Juan Gómez Jurado e de Bárbara Montes

e A balada dos unicornios, de Ledicia Costas.

Chamounos a atención que as protagonistas dos dous libros tiñan moito en común, xa que nos dous casos existía un misterio sobre o paradoiro dos pais e ambas tiñan que enfrontarse a perigos e aventuras nas que a intriga e a fantasía estaban moi presente.

O terceiro libro, proposto por un alumno integrante do club, foi Memorias de Idhún, de Laura Gallego.

Esta obra acompañounos nas vacacións de Nadal e comentámola ao regreso. Curiosamente, as orixes das personaxes tamén estaban rodeadas de misterio e os protagonistas atopábanse en situación de orfandade, ao igual que nos dous libros lidos con anterioridade.

Para compensar o tamaño de Memorias de Idhún, lemos 22 segundos, de Eva Mejuto, unha novela breve, mais importante pola temática que trata, a transexualidade, contada desde a mirada do protagonista. É unha obra que nos encantou a todos os membros do club e que deu lugar a un faladoiro moi interesante.

A vindeira semana comentaremos dous libros, xa que non nos demos posto de acordo na escolla. Hai quen lerá Caperucita en Manhattan, de Carmen Martín Gaite,

e outro grupo lerá Dragal, de Elena Gallego Abad.

E algunhas persoas leremos as dúas! Logo compartiremos as nosas lecturas! A ver cal está mellor!

Paula Carballeira no instituto

Esta semana visitaranos Paula Carballeira, quen nos contará unhas arrepiantes historias de medo para irnos preparando para o Samaín.
O alumnado de 1º ESO pasará pola estarrecedora experiencia dun obradoiro no que esta nosa gran contadora lles aprenderá a contar historias de medo.

Buscando o noso logo para o EDLG

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega anda na procura dun logo e dun lema. Bota a túa imaxinación a voar e sorpréndenos co teu enxeño!

O prazo de entrega remata o 28 de outubro.

BASES DO CONCURSO

Quen ten cu, ten medo

Aquí chega o noso arrepiante concurso de contos de medo. Anímate a participar!

Navegación de artigos