bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo do mes “Outubro, 2019”

O FALADOIRO

Bota a andar o club de lectura pequeno (por idade, non por número), cunha notoria afluencia de lectores e lectoras dispostas a devorar historias cheas de aventuras, emocións e momentos inesquecibles. Na primeira xuntanza demos oído ás propostas dos entusiastas participantes e, tras unha ardua deliberación, chegamos á conclusión de que cómpre facer dous grupos, tal foi o número de asistentes e a diversidade temática. Deste xeito reunirémonos cada grupo en martes alternos, á hora do lecer, para poñer en común a nosa experiencia lectora.

Comezaremos co libro Os corpos invisibles, de Emma Pedreira para o grupo veterán, e A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly para os demais, segundo as súas preferencias.

O Faladoiro convida a tódolos membros da comunidade educativa a participar activamente nestas convocatorias. Segue aberto o prazo para incorporarse, e non se pechará mentras haxa alguén interesado en traspasar a porta…

 

RADIO LABIRINTO XA ESTÁ AQUÍ!

Ei, siareiros:

A Radio Escolar do noso instituto xa está aquí. Está a emitir regularmente nos tempos de lecer, e unha morea de voces están a xurdir dos altofalantes que habitan os nosos corredores… Temas novos, temas vellos, música, participación, conversas, relatos, realidade e ficción a partes iguais para afondar no que máis nos gusta, vivir!

Deixamos a continuación o enlace para que poidades visitala, facer descargas de contido e, sobre todo, suscribirvos, para que non quede nin un programa sen escoitar. Todos pagan a pena…. Valos perder?

RADIO LABIRINTO

 

BENVIDA

Comeza un novo curso no Monte Carrasco. As engranaxes da lectura aínda están enferruxadas polo salitre do verán, pero xa queren espertar. Estamos onde sempre, rodeados dos libros expectantes agardando a voráxine lectora que active a imaxinación e os praceres de verse envoltos en mundos apaixoantes e sedutores, para deixarnos levar…

Dámosvos a benvida, a todos e todas, e convidámosvos a ser parte da nosa biblioteca en tódolos seus recunchos: lectura, investigación, lecer, estudo, radio… O noso mundo!!

Vide mirarvos nel!

 

Navegación de artigos