bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo do mes “Xaneiro, 2021”

O FALADOIRO MAIOR TAMÉN SE SUPERA!

Non hai pandemia que nos impida ler e xuntármonos a compartir a experiencia! Fomos quen de cambiar o noso recuncho faladoiro da Biblioteca polas novas tecnoloxías para vernos e falar de “Aquitania” a través dunha video conferencia. Superados (ou case) algúns impedimentos técnicos e loxísticos, voz e imaxe saíron ao ar para expresar o que Eleanor de Aquitania e o relato dunha parte da súa vida tiña feito sentir a este feixe de comprometidos lectores e lectoras.

Esta obra de Eva García Sáenz de Urturi, galardonada co último premio planeta, deunos para unha interesante posta en común na que se tocaron aspectos de índole lingüístico e literario, e tamén histórico. Un mundo de contrastes, realidades irreais e contraditorias por veces, xunto con elementos característicos e contrastados da auténtica raíña de Francia. Unha vida interior cando menos intensa que sorprende por excesiva, ou non, aventada polas circunstancias que mesturan ficción e historia, nun mundo de personaxes con motivacións dispares para manterse vivos… Ninguén permanece indiferente ante o que a lectura debuxa ante a nosa mirada.

Para o vindeiro encontro, no mes de marzo, temos dúas propostas. Unha novela gráfica, Django Mano de Fuego que conta a historia dunha lenda do Jazz, e outra novela tradicional, nesta ocasión de orixe nórdico, que se titula Estado del Malestar, de Nina Lykke, na que se provoca unha reflexión sobre o tan manido estado de benestar que se atribúe a Europa do Norte.

Así que agora toca ler! Moita saúde e moito ánimo!

O FALADOIRO: Primeira lectura superada!

Á volta das vacacións de Nadal, todos e todas cos deberes feitos, puxemos en común as nosas impresións sobre a lectura do libro “A lección de August”. Foi unha obra que gustou e espertou o interese nalgúns incondicionais por continuar a saga das historias dos distintos personaxes que debuxan a contorna do pequeno August. Entrañable viaxe polas experiencias deste neno que nos vai descubrindo o que é ser e sentirse diferente, para ben e para mal, ás veces, e que se fai lección de vida para pequenos e grandes, axudando a reflexionar sobre os nosos comportamentos cotiás. Axudados polas visións do resto dos personaxes que rodean ao protagonista, somos quen de poñernos na pel, ou nas diferentes peles, dos que ven a vida dende outras ópticas.

E agora imos coa segunda obra. Imos retomar unha lectura do curso pasado. Lembrades a Calpurnia? Pois imos intentar descubrila novamente neste club deste curso. A ver que sae destas mentes lectoras e activas que están entusiamadas coa aventura!

Mantédevos á escoita para saber en que resulta todo isto…. Vémonos pronto!

Navegación de artigos