bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo para a categoría “LITERATURA GALEGA”

MARCOS CALVEIRO, PREMIO MERLÍN 2012, unha homenaxe ás mulleres africanas

Amne, una de las 'termitiere'. Autor: Cristina Vazquez/Intermón Oxfam

O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Palabras de auga»que, despois de aberta a plica, resultou ser de Marcos Calveiro e corresponde ao título Palabras de auga.

Narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. A obra, sólida e perfectamente estruturada, está construída a través de continuos flashbacks que van artellando a historia.

Segundo os membros do xurado «os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia».

«Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecable retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan».

Por último, os membros do xurado, sinalaron que «Palabras de Auga é unha viaxe cara o interior da África máis pura. Pero tamén cara o interior do propio eu, e esta é unha singradura sen posible retorno».

«Palabras de Auga é como outras miñas un diálogo intercultural, neste casa coa África Subsahariana. Con esa cultura da que só sabemos cando acontecen desgrazas ou polas mulleres e homes afoutos que xogan a vida embarcando nas “pateras” na procura dun futuro mellor para eles e para os seus fillos. O xerme da novela é unha nova nun xornal na que se falaba das chamadas “termitières”, mulleres que no Chad para alimentar aos seus fillos recollen o gran nos formigueiros. Esa imaxe, a dunha nai roubando o alimento ás formigas, impresionoume de tal xeito que me me empurrou a escribir esta novela. Unha homenaxe a esas mulleres africanas que malia a súa discriminación social son os verdadeiros alicerces das súas familias e tribos».

Podedes tamén ler a entrevista que apareceu no xornal http://www.dioivo.eu:

http://dioivo.eu/creacion/letras/902-amancio-ortega-non-e-exemplo-etico-de-nada-quen-tena-cartos-que-faga-algo-polo-paisq

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os fillos do mar

A novela negra galega vive tempos felices. Tralo éxito de Domingo Villar, pedro Feijoó está arrasando nas listas de vendas coa súa novela Os fillos do mar, tamén ambientada no Vigo actual. Finalista do premio Xerais 2011, a trama toca temas históricos coma os Galeóns de Rande, a Guerra Civil española ou o nazismo.

Crenzas e tradicións

Este capítulo da excelente serie da TVG “Historias de Galicia”, trata dos mitos e lendas que se teceron durante séculos entre o pobo galego: castros e mámoas, Prisciliano, lobishomes, Santa Compaña,  paganismo e cristianismo. Historia e lendas populares dánse a man nun país “onde a razón non chega”.

FANTASMAS DE LUZ, de Agustín Fernández Paz

Unha proposta para ler é esta última novela de Agustín Fernández Paz, do cal vos deixamos un vídeo, onde dá argumentos suficientes para achegarnos á súa lectura.

Navegación de artigos