bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo para a categoría “INICIO”

MAIOS DENDE O CARRASCO

Tempo de maio, tempo de xestas, fiuncho, pampillos… A cor anuncia a fin do inverno…

Dende o Carrasco non quixemos deixar pasar a ocasión de sumarnos ao espertar da natureza. Deixámosvos unhas imaxes. Sobran as palabras!

Xa temos gañadores da VI edición do Concurso literario Monte Carrasco.

Como cada ano, con motivo da celebración do día das nosas letras, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, a Biblioteca e o Departamento de Galego, organizamos un concurso literario aberto a todo o alumnado para crear poemas, relatos e pezas teatrais. Nesta ocasión o tema a abordar era a natureza galega nas súas infinitas vertentes creativas. Houbo unha animada participación e, despois dunha axustada deliberación do xurado, os premios foron repartidos do seguinte xeito:

O premio Poesía para alumnado de primeiro e segundo foi para Uxío Vilariño, de 1ºA polo poema titulado “O duro inverno”. O premio Poesía para alumnado de terceiro e cuarto foi para Izabela Stefan, de 4º B pola súa obra “Beleza feminina”.

Na modalidade de relatos, a premiada na categoría de primeiro e segundo de ESO foi Celia González Rodal, de 1º A co relato titulado “O son do bosque”, mentras que na categoría de terceiro e cuarto de ESO gañou Miguel Núñez, de 4º B coa obra “Flor de Brigantium”.
Os premios consisten nun vale para gastar nos centros adheridos á marca Comercio do Morrazo.
As obras gañadoras serán publicadas na nosa revista “A Gaivota”, que pronto a teredes nas mans. Agardamos que vos gusten!

Grazas a todo o alumnado participante que sabemos que vos esforzastes para acadar os premios. Parabéns aos gañadores, e a continuar lendo e escribindo… Tal vez un día teñamos algún autor de renome nacido nas nosas aulas!

Rematou o curso para o Faladoiro Maior!

Vimos de celebrar a última reunión deste curso escolar da nosa sociedade literaria do Monte Carrasco, o Faladoiro Maior, no que participamos o profesorado e persoal non docente do centro, xunto coas nais e pais do alumnado e máis amigos e amigas que gostan de poñer en común as experiencias lectoras persoais.

Nesta ocasión tiñamos dúas lecturas para comentar, unha novela gráfica que relata a biografia do autor francés Antoine de Saint-Exupéry, o pai do noso tan querido “O Principiño”, entre outras obras, e que vén da man de Pierre-Roland Saint-Dizier e Cedric Fernandez, na composición do texto e dos debuxos, e o último premio Nadal de literatura, “El lunes nos querrán”, da autora Najat El Hachmi.

Dende aquí queremos agradecer a participación dos que fostes asistentes regulares ás nosas reunións, aportando unha morea de ideas, reflexións e moitas gañas de compartir o que a lectura vos fai sentir. Grazas tamén aos que non sempre puidestes estar, pero que viñestes ilusionados e estivestes a seguirnos con interese dende as redes sociais.

É a nosa intención continuar o vindeiro curso con este proxecto, e queremos seguir convidando a toda a comunidade escolar a dar o paso adiante e lanzarse á lectura colectiva. É unha experiencia formidable!

O verán é unha excelente estación para ler, así que non deixedes de practicar esta actividade, e xa no outono poderedes contarnos en que universos andivestes navegando!

Feliz verán lector!

O IES MONTE CARRASCO, GAÑADOR DO III CONCURSO DE PODCASTS – RADIO NA BIBLIO NA MODALIDADE DE ALUMNADO DE SECUNDARIA!!

O esforzo do EDLG, a Biblioteca, o Claustro e o alumnado do Monte Carrasco ten premio!! Vimos de gañar o III concurso de podcasts Radio na biblio, destinado a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Radio Galega (CRTVG), no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

Un arduo traballo de creatividade, selección, preparación e edición tivo a recompensa merecida ao facernos gañadores deste concurso.

Os podcasts premiados serán difundidos pola Radio Galega a través das súas páxinas www.diariocultural.gal; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (web de Bibliotecas Escolares de Galicia e outros).

O alumnado implicado nos traballos seleccionados poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela, tras o acordo previo con esta entidade, e sempre que a situación sanitaria o permita.

Parabéns!

Neste enlace atoparedes toda a información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33930

NOVIDADES NA BIBLIOTECA

Estes últimos meses mercamos un bo número de novos títulos para a Biblioteca, recentes publicacións que acadaron éxito editorial e están a ser demandadas polos nosos lectores e lectoras. Non deixedes de botarlle un ollo de cando en vez ao noso fondo editorial, para estar actualizados…

VI CONCURSO LITERARIO

O Departamento de Dinamización Lingüística, xunto coa Biblioteca e a colaboración do Departamento de Lingua e Literatura Galega, organizan a sexta edición do Concurso Literario do Monte Carrasco para celebrar as nosas letras. Podedes participar cun texto en verso, unha obra narrativa ou unha peza de teatro. Tedes as bases ao voso dispor nos taboleiros das aulas, e non esquezades que o prazo de entrega da vosa creación remata o vindeiro venres 14. Ánimo a todos e todas… Hai suculentos premios!!

DÍA DO LIBRO ’21

Vimos de celebrar o Día do Libro deste ano 2021 cunha moi interesante charla da profesora Luz Beloso, que acaba de publicar unha versión ilustrada dunha obra inédita de Xela Arias, titulada “Non te amola“, escrita nas primeiras etapas da vida da autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Elaborouse un programa de radio que contén esta entrevista e as palabras da ilustradora ao respecto da importancia das vivencias persoais na contorna rural que tivo a sorte de experimentar, do mesmo xeito que Xela, na súa Sarria da infancia. Podedes achegarvos a este arquivo sonoro na ubicación habitual de Radio Labirinto na plataforma de Ivoox. Agradecemos enormemente o traballo de Pumar na xestión loxística e organizativa deste evento, e ao alumnado involucrado na elaboración do mesmo.

Imaxe do acto que tivo lugar na Biblioteca-Radio-Aula de música

XELA ARIAS. LETRAS GALEGAS ’21

Deixamos uns enlaces para que accedades a uns vídeos sobre a protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.

Cremos que son de moito interese para coñecer un pouquiño máis a esta poeta galega, que tamén traballou no noso instituto.

O FALADOIRO MAIOR TAMÉN SE SUPERA!

Non hai pandemia que nos impida ler e xuntármonos a compartir a experiencia! Fomos quen de cambiar o noso recuncho faladoiro da Biblioteca polas novas tecnoloxías para vernos e falar de “Aquitania” a través dunha video conferencia. Superados (ou case) algúns impedimentos técnicos e loxísticos, voz e imaxe saíron ao ar para expresar o que Eleanor de Aquitania e o relato dunha parte da súa vida tiña feito sentir a este feixe de comprometidos lectores e lectoras.

Esta obra de Eva García Sáenz de Urturi, galardonada co último premio planeta, deunos para unha interesante posta en común na que se tocaron aspectos de índole lingüístico e literario, e tamén histórico. Un mundo de contrastes, realidades irreais e contraditorias por veces, xunto con elementos característicos e contrastados da auténtica raíña de Francia. Unha vida interior cando menos intensa que sorprende por excesiva, ou non, aventada polas circunstancias que mesturan ficción e historia, nun mundo de personaxes con motivacións dispares para manterse vivos… Ninguén permanece indiferente ante o que a lectura debuxa ante a nosa mirada.

Para o vindeiro encontro, no mes de marzo, temos dúas propostas. Unha novela gráfica, Django Mano de Fuego que conta a historia dunha lenda do Jazz, e outra novela tradicional, nesta ocasión de orixe nórdico, que se titula Estado del Malestar, de Nina Lykke, na que se provoca unha reflexión sobre o tan manido estado de benestar que se atribúe a Europa do Norte.

Así que agora toca ler! Moita saúde e moito ánimo!

O FALADOIRO: Primeira lectura superada!

Á volta das vacacións de Nadal, todos e todas cos deberes feitos, puxemos en común as nosas impresións sobre a lectura do libro “A lección de August”. Foi unha obra que gustou e espertou o interese nalgúns incondicionais por continuar a saga das historias dos distintos personaxes que debuxan a contorna do pequeno August. Entrañable viaxe polas experiencias deste neno que nos vai descubrindo o que é ser e sentirse diferente, para ben e para mal, ás veces, e que se fai lección de vida para pequenos e grandes, axudando a reflexionar sobre os nosos comportamentos cotiás. Axudados polas visións do resto dos personaxes que rodean ao protagonista, somos quen de poñernos na pel, ou nas diferentes peles, dos que ven a vida dende outras ópticas.

E agora imos coa segunda obra. Imos retomar unha lectura do curso pasado. Lembrades a Calpurnia? Pois imos intentar descubrila novamente neste club deste curso. A ver que sae destas mentes lectoras e activas que están entusiamadas coa aventura!

Mantédevos á escoita para saber en que resulta todo isto…. Vémonos pronto!

Navegación de artigos