bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo do día “Maio 31, 2021”

Xa temos gañadores da VI edición do Concurso literario Monte Carrasco.

Como cada ano, con motivo da celebración do día das nosas letras, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, a Biblioteca e o Departamento de Galego, organizamos un concurso literario aberto a todo o alumnado para crear poemas, relatos e pezas teatrais. Nesta ocasión o tema a abordar era a natureza galega nas súas infinitas vertentes creativas. Houbo unha animada participación e, despois dunha axustada deliberación do xurado, os premios foron repartidos do seguinte xeito:

O premio Poesía para alumnado de primeiro e segundo foi para Uxío Vilariño, de 1ºA polo poema titulado “O duro inverno”. O premio Poesía para alumnado de terceiro e cuarto foi para Izabela Stefan, de 4º B pola súa obra “Beleza feminina”.

Na modalidade de relatos, a premiada na categoría de primeiro e segundo de ESO foi Celia González Rodal, de 1º A co relato titulado “O son do bosque”, mentras que na categoría de terceiro e cuarto de ESO gañou Miguel Núñez, de 4º B coa obra “Flor de Brigantium”.
Os premios consisten nun vale para gastar nos centros adheridos á marca Comercio do Morrazo.
As obras gañadoras serán publicadas na nosa revista “A Gaivota”, que pronto a teredes nas mans. Agardamos que vos gusten!

Grazas a todo o alumnado participante que sabemos que vos esforzastes para acadar os premios. Parabéns aos gañadores, e a continuar lendo e escribindo… Tal vez un día teñamos algún autor de renome nacido nas nosas aulas!

Navegación de artigos