bibliomontecarrasco

Información xeral da Biblioteca

Arquivo do día “Outubro 13, 2020”

Consulta o noso catálogo

Desde este enlace poderás consultar o noso catálogo para solicitar o libro que desexes ler. Fai a busca escribindo o nome do autor ou o título do libro, e anota o número de rexistro, tendo en conta que non estea xa emprestado.

Catálogo IES Monte Carrasco – MEIGA

Despois só tes que enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo:

emprestitocarrasco@gmail.com

indicando quen es, o teu número de carné de lector, o título do libro solicitado para o empréstito e o número de rexistro deste exemplar. Unha vez formalizado o proceso farémosche entrega do libro á maior brevidade posible no punto de entrega da Biblioteca, sinalado para tal fin na entrada principal do instituto. Lembra que temos dous recreos para este fin, o do mércores e o do xoves!

Nese mesmo enderezo podedes facer consultas e suxestións que estaremos encantados de escoitar e atender, sempre que sexa posible.

Saúde!

Estamos de volta!

Despois de cinco longos meses sen asomarse ao mundo dende a fiestra da nosa biblioteca, e de case dez refuxiados no interior dun sinfín de páxinas non buscadas, estamos de regreso… E non son poucas as novidades que este novo espazo-tempo nos está obrigando a asumir a paso apurado, non sempre pousándose na beira máis cómoda do camiño. Polo de pronto, a nosa querida biblioteca, repeinada e en proceso de renovación funcional e estética, ten que mudarse para deixar sitio ás medidas de protección colectiva contra o bicho que veu estragalo todo na pasada primavera.

Mudarse non significa marchar. Seguimos, doutra maneira, co respirador conectado, para non entrar en estado crítico, pero vivos. Segue o noso fondo bibliográfico a medrar, aínda que agora teredes que consultalo na rede para saber as novidades que van chegando, e as vellas glorias que están ao voso dispor para un empréstito pracenteiro de lectura e aprendizaxe. Non deixedes de vir, aínda que as formas cambien. As visitas virtuais teñen algo de máxico, e aquí agardámosvos cos brazos e as páxinas abertas, coma sempre, para facilitarvos toda a nosa axuda.

Estamos a actualizar títulos na nosa Biblioteca Inclusiva, tamén nos fondos audiovisuais incorporamos novidades, e estamos desexosos de oír todas as vosas propostas, sempre moi benvidas, para construír o noso bibloespazo favorito.

Así que aquí vos agardamos, un novo curso, para que non falte nada. Permanecede atentos e atentas ás vosas pantallas, onde iremos debuxando as novas instrucións para os empréstitos. Alí tamén aparecerá o enderezo de correo electrónico onde teredes que solicitar os libros que queredes ler, e os prazos e lugares de entrega, e onde estaremos felices de recibir as vosas suxestións, consultas, e toda a vida da nosa Biblioteca.

De novo no camiño. Coidádevos, coidádeme.

Sempre vosa, a Biblioteca.

Navegación de artigos